fracos favores

penso en voz alta e non sei pedir perdón

Pouco despois de que Errejón presentase a súa dimisión a raíz de que varias mulleres o sinalasen como agresor machista, varios homes decidiron escribir en Mastodon.gal cousas positivas sobre el. Errejón devolveume a esperanza na política institucional. Errejón dimitiu inmediatamente, non coma outros. Tede cautela, agardade, aínda non temos toda a información. Coma quen escribe unha elexía trala morte dun alto cargo, algúns homes correron expresar publicamente, sen cautela nin información nin hostias, o seu aprezo incondicional por outro home que non coñecen persoalmente nin saberá nunca que existen. Cando lles contei aes miñes amigues que Carlos tentou meterme man unha noite de festa que me levou a casa, responderon “xa sabes como se pon cando bebe”. Cando lle contei á miña nai que David se enfadou tanto comigo que me acabou gritando no hospital mentres eu agardaba os resultados dunha resonancia para saber se tiña ou non unha contusión por un accidente, respondeu “David é xoven, púxose nervioso”. Cando lle contei a un amigo que Daniel me violou na nosa primeira cita, respondeu “ti tamén, como te metes na súa casa?”. Unha realidade innegable é que todas, ou case todas as mulleres e persoas femme que coñecedes sufriron algún tipo de agresión polo feito de seren mulleres ou persoas femme. A inmensa maioría desas agresións foron cometidas por homes. E a inmensa maioría deses homes teñen amigos, colegas, compañeiros de “cuadrilla” que saben que cando bebe non se controla, que é mui insistente, que todas as mulleres coas que anda acaban desaparecendo misteriosamente, que é un tío xenial pero non o deixarían a soas coa súa irmá, ou coa súa filla adolescente, pero é mui bo amigo, en serio, só que ás veces non sabe calar e fai chistes de mal gusto, pero é bo tío. Neste bar non podemos entrar con el porque tocou a unha camareira, pero estivo na miña voda porque somos como irmáns. Unha vez pasounos uns nudes da moza que tiña, dixémoslle que era pasarse, pero claro que as miramos, claro que non o denunciamos nin falamos con ela, a ver, non saíu do grupo de colegas. Marcha sempre con tías claramente bébedas de máis, é un golfo, pero é bo amigo, en serio. Devolveume a esperanza na política institucional. Dimitiu inmediatamente, non coma outros. Tede cautela, agardade, non sinaledes aínda ao agresor, seguro que hai unha explicación.

hélio miramontes Mastodon · Instagram

(NOTA: Neste artigo falo de mulleres e homes dun xeito binario e simplista, pero enténdase ese mulleres como un concepto amplo no que se inclúen tamén persoas que, pola súa expresión de xénero, a súa identidade ou a súa aparencia teñen máis probabilidades de ser perseguidas, acosadas ou agredidas no espazo público por un home. Como persoa axénero non me gusta reducilo todo a mulleres e homes, pero nesta ocasión paréceme necesario usa-la dicotomía muller/home por pura claridade.) Ao longo do mes de abril estendeuse por tiktok unha pregunta dirixida ás mulleres: preferirías estar soa no bosque cun home ou cun oso? As respostas foron maioritariamente pro-oso. Si, algunhas mulleres valoraron as opcións uns segundos, algunhas preguntaron que tipo de oso, ou que tipo de home, algunhas reaccionaron á súa propia resposta con sorpresa ou mesmo decepción. “Quero escoller o home, pero...”, di algunha. “Está claro que o oso me mataría, pero o home... o home podería facerme mil cousas máis”, di outra. “Os osos son predicibles”, conclúe outra. Despois das risas iniciais, vén o golpe de realidade. Nun vídeo, un home tenta facerlle entende-la situación aos seus seguidores falándolles das formas de autodefensa (contra homes, non contra osos) que muitas mulleres teñen interiorizadas: non deixes que te siga, non entres no seu coche, salta dun vehículo en marcha se é necesario, rabuña ou morde a súa pel ata o último momento para que o teu corpo teña o seu ADN. Algo que non saben muitos homes é que boa parte das mulleres que coñecen teñen unha lista interminable de rotinas para evitar ser agredidas, acosadas, secuestradas ou asasinadas, e tamén para, se lles acaba pasando algunha desas cousas, ter probas que apunten ao culpable. Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística, no 2023 36.582 mulleres denunciaron ser vítimas de violencia de xénero no Estado Español, case 4.000 máis que no 2022. A esta cifra habería que sumarlle todas as que sufriron algunha agresión pero aínda non a denunciaron, ben porque non confían no sistema xudicial, porque non están seguras de que o que sufriron é un delito denunciable ou porque a súa situación administrativa irregular non lles permite o privilexio de poder entrar libremente nunha comisaría. O Instituto Nacional de Estatística non publica datos sobre o número de mulleres vítimas de ataques de oso porque é algo que pasa tan pouco que non ten sentido estudalo ano tras ano. Segundo este artigo científico do ano pasado, entre 1950 e 2019 rexistráronse 291 ataques de osos a humanos en toda Europa, e ningún deses ataques foi predatorio. É dicir, que o oso en cuestión non andaba na procura dun humano ao que atacar, senón que un ou máis humanos entraron no seu hábitat, o oso asustouse e reaccionou como puido antes de escapar. Nas últimas semanas saquei o tema do oso e o home varias veces, con distintas persoas, e teño que dicir que todos os homes cos que me relaciono entenden perfectamente que as mulleres escollan o oso. Sei que isto non é aplicable ao groso da poboación masculina, porque as miñas amizades están mui ben escollidas, pero quero pensar que hai homes que a raíz disto son un pouco máis conscientes do medo co que vive boa parte da poboación mundial. Unha das respostas a este debate consiste en preguntar a homes que fan no seu día a día para facer que as mulleres se sintan máis seguras perto deles. Hainos que non saben que responder, ou que admiten non facer nada concreto, pero tamén os hai que entenden que a súa presenza en determinados contextos (unha rúa pouco transitada, un portal escuro, o baño dun bar...) é ameazadora e evitan achegarse demasiado a unha muller descoñecida ou fan notar a súa presenza coa maior antelación posible para non aparecer por sorpresa. Se tivese que gardar unha idea de todas as que escoitei e lin sobre este tema neste mes e medio, quedaría con esta: queremos escolle-lo home. De verdade, queremos vivir nun mundo no que unha besta de media tonelada nos dá máis medo que o noso veciño, ou o noso xefe, ou o noso marido. Pero para iso necesitamos que deixe de haber máis de 36.000 agresións de homes contra mulleres (e as súas crianzas) cada ano.

hélio miramontes Mastodon · Instagram

Cando me diagnosticaron a condropatía patelar (desgaste crónico e dexenerativo nos xeonllos, pa quen non estudamos medicina), a traumatóloga preguntou se practicaba algún deporte. Vou na bici, dixen, non como deporte senón como medio de transporte. Pois vas ter que vendela, respondeu, tan tranquila, coma se non me estivese a dar unha noticia de merda que me cambiaba a vida. Daquela estudaba interpretación na ESAD e estaba retomando as clases de danza. Cando falei cos meus profesores sobre o meu diagnóstico, un deles comentou “Pois terás que cambiar a Dramaturxia”. Dúas cousas que non sabía daquela eran que eses comentarios eran denunciables e que despois virían comentarios, e diagnósticos, muito piores. Ultimamente anda rulando polas redes unha mensaxe anticapacitista que di algo así como que todes imos acabar sendo discas, sexa por sofrer un accidente, por desenvolver algunha condición médica ou simplemente por efecto da idade avanzada. Creo que entendo o sentimento que hai detrás dese discurso, unha apelación á xente non disca para que nos vexan máis como iguais que como rarezas andantes. Pero, como acontece sempre cos discursos simplificados e reducidos á extensión dun tuto ou unha infografía de instagram, esta mensaxe deixa fóra varias cuestións importantes que me gustaría analizar. A primeira é mui simple: o anticapacitismo non é necesario porque pode que no futuro ti teñas cataratas, é necesario porque agora mesmo hai persoas con cataratas, cunha perna protésica ou con fibrose pulmonar, e esas persoas deberían ter os seus dereitos garantidos, e iso debería importarche aínda que goces de perfecta saúde e ninguén na túa familia teña un problema de saúde crónico. Non deberíamos ter que identificarnos persoalmente con outras persoas para entender que a Declaración Universal dos Dereitos Humanos tamén vai por elas. A segunda é que ese argumento de que “podería pasarche a ti” só funciona coas discapacidades que se poden adquirir: calquera persoa pode sofrer un ictus, pero ninguén vai contraír autismo por muito que haxa quen pense que a súa causa é a vacina da varicela ou ver tiktoks feitos por autistas. Ademais, hai diferenzas importantes entre nacer cunha insuficiencia cardíaca e adquirila con 50 anos, non é o mesmo ter que usar un andador con 70 anos cando, se todo vai ben, non terás que traballar nunha tenda na que non che deixan sentar, e usalo con 18 anos e ter que escoller carreira profesional segundo o grao de accesibilidade que teñan as distintas facultades da túa universidade. Ser disca nun mundo feito por non discas é cansado, pero selo durante os anos nos que se supón que tes que estudar, conseguir traballo, preparar unhas oposicións ou formar unha familia pode ser pouco menos que insoportable. Por algo tantas persoas discas pasamos o 90% do tempo fantaseando con deixalo todo, marchar ao monte e convertirnos nun cogumelo, a pesar do inaccesible que son, polo xeral, os montes. Na miña opinión, apelar á identificación é un problema porque se basea en que temos que axudarnos porque somos iguais, e iso vai deixar sempre fóra a toda a xente que simplemente non é normal, non pode ser normal, non quere ser normal e non vai tentar ser normal. E esa xente rara, rota, deforme, revirada que se resiste a facer as cousas normais que fai todo o mundo... tamén debería te-los seus dereitos garantidos.

hélio miramontes Mastodon · Instagram