De osos e homes

(NOTA: Neste artigo falo de mulleres e homes dun xeito binario e simplista, pero enténdase ese mulleres como un concepto amplo no que se inclúen tamén persoas que, pola súa expresión de xénero, a súa identidade ou a súa aparencia teñen máis probabilidades de ser perseguidas, acosadas ou agredidas no espazo público por un home. Como persoa axénero non me gusta reducilo todo a mulleres e homes, pero nesta ocasión paréceme necesario usa-la dicotomía muller/home por pura claridade.) Ao longo do mes de abril estendeuse por tiktok unha pregunta dirixida ás mulleres: preferirías estar soa no bosque cun home ou cun oso? As respostas foron maioritariamente pro-oso. Si, algunhas mulleres valoraron as opcións uns segundos, algunhas preguntaron que tipo de oso, ou que tipo de home, algunhas reaccionaron á súa propia resposta con sorpresa ou mesmo decepción. “Quero escoller o home, pero...”, di algunha. “Está claro que o oso me mataría, pero o home... o home podería facerme mil cousas máis”, di outra. “Os osos son predicibles”, conclúe outra. Despois das risas iniciais, vén o golpe de realidade. Nun vídeo, un home tenta facerlle entende-la situación aos seus seguidores falándolles das formas de autodefensa (contra homes, non contra osos) que muitas mulleres teñen interiorizadas: non deixes que te siga, non entres no seu coche, salta dun vehículo en marcha se é necesario, rabuña ou morde a súa pel ata o último momento para que o teu corpo teña o seu ADN. Algo que non saben muitos homes é que boa parte das mulleres que coñecen teñen unha lista interminable de rotinas para evitar ser agredidas, acosadas, secuestradas ou asasinadas, e tamén para, se lles acaba pasando algunha desas cousas, ter probas que apunten ao culpable. Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística, no 2023 36.582 mulleres denunciaron ser vítimas de violencia de xénero no Estado Español, case 4.000 máis que no 2022. A esta cifra habería que sumarlle todas as que sufriron algunha agresión pero aínda non a denunciaron, ben porque non confían no sistema xudicial, porque non están seguras de que o que sufriron é un delito denunciable ou porque a súa situación administrativa irregular non lles permite o privilexio de poder entrar libremente nunha comisaría. O Instituto Nacional de Estatística non publica datos sobre o número de mulleres vítimas de ataques de oso porque é algo que pasa tan pouco que non ten sentido estudalo ano tras ano. Segundo este artigo científico do ano pasado, entre 1950 e 2019 rexistráronse 291 ataques de osos a humanos en toda Europa, e ningún deses ataques foi predatorio. É dicir, que o oso en cuestión non andaba na procura dun humano ao que atacar, senón que un ou máis humanos entraron no seu hábitat, o oso asustouse e reaccionou como puido antes de escapar. Nas últimas semanas saquei o tema do oso e o home varias veces, con distintas persoas, e teño que dicir que todos os homes cos que me relaciono entenden perfectamente que as mulleres escollan o oso. Sei que isto non é aplicable ao groso da poboación masculina, porque as miñas amizades están mui ben escollidas, pero quero pensar que hai homes que a raíz disto son un pouco máis conscientes do medo co que vive boa parte da poboación mundial. Unha das respostas a este debate consiste en preguntar a homes que fan no seu día a día para facer que as mulleres se sintan máis seguras perto deles. Hainos que non saben que responder, ou que admiten non facer nada concreto, pero tamén os hai que entenden que a súa presenza en determinados contextos (unha rúa pouco transitada, un portal escuro, o baño dun bar...) é ameazadora e evitan achegarse demasiado a unha muller descoñecida ou fan notar a súa presenza coa maior antelación posible para non aparecer por sorpresa. Se tivese que gardar unha idea de todas as que escoitei e lin sobre este tema neste mes e medio, quedaría con esta: queremos escolle-lo home. De verdade, queremos vivir nun mundo no que unha besta de media tonelada nos dá máis medo que o noso veciño, ou o noso xefe, ou o noso marido. Pero para iso necesitamos que deixe de haber máis de 36.000 agresións de homes contra mulleres (e as súas crianzas) cada ano.

hélio miramontes Mastodon · Instagram