Non somos normais

Cando me diagnosticaron a condropatía patelar (desgaste crónico e dexenerativo nos xeonllos, pa quen non estudamos medicina), a traumatóloga preguntou se practicaba algún deporte. Vou na bici, dixen, non como deporte senón como medio de transporte. Pois vas ter que vendela, respondeu, tan tranquila, coma se non me estivese a dar unha noticia de merda que me cambiaba a vida. Daquela estudaba interpretación na ESAD e estaba retomando as clases de danza. Cando falei cos meus profesores sobre o meu diagnóstico, un deles comentou “Pois terás que cambiar a Dramaturxia”. Dúas cousas que non sabía daquela eran que eses comentarios eran denunciables e que despois virían comentarios, e diagnósticos, muito piores. Ultimamente anda rulando polas redes unha mensaxe anticapacitista que di algo así como que todes imos acabar sendo discas, sexa por sofrer un accidente, por desenvolver algunha condición médica ou simplemente por efecto da idade avanzada. Creo que entendo o sentimento que hai detrás dese discurso, unha apelación á xente non disca para que nos vexan máis como iguais que como rarezas andantes. Pero, como acontece sempre cos discursos simplificados e reducidos á extensión dun tuto ou unha infografía de instagram, esta mensaxe deixa fóra varias cuestións importantes que me gustaría analizar. A primeira é mui simple: o anticapacitismo non é necesario porque pode que no futuro ti teñas cataratas, é necesario porque agora mesmo hai persoas con cataratas, cunha perna protésica ou con fibrose pulmonar, e esas persoas deberían ter os seus dereitos garantidos, e iso debería importarche aínda que goces de perfecta saúde e ninguén na túa familia teña un problema de saúde crónico. Non deberíamos ter que identificarnos persoalmente con outras persoas para entender que a Declaración Universal dos Dereitos Humanos tamén vai por elas. A segunda é que ese argumento de que “podería pasarche a ti” só funciona coas discapacidades que se poden adquirir: calquera persoa pode sofrer un ictus, pero ninguén vai contraír autismo por muito que haxa quen pense que a súa causa é a vacina da varicela ou ver tiktoks feitos por autistas. Ademais, hai diferenzas importantes entre nacer cunha insuficiencia cardíaca e adquirila con 50 anos, non é o mesmo ter que usar un andador con 70 anos cando, se todo vai ben, non terás que traballar nunha tenda na que non che deixan sentar, e usalo con 18 anos e ter que escoller carreira profesional segundo o grao de accesibilidade que teñan as distintas facultades da túa universidade. Ser disca nun mundo feito por non discas é cansado, pero selo durante os anos nos que se supón que tes que estudar, conseguir traballo, preparar unhas oposicións ou formar unha familia pode ser pouco menos que insoportable. Por algo tantas persoas discas pasamos o 90% do tempo fantaseando con deixalo todo, marchar ao monte e convertirnos nun cogumelo, a pesar do inaccesible que son, polo xeral, os montes. Na miña opinión, apelar á identificación é un problema porque se basea en que temos que axudarnos porque somos iguais, e iso vai deixar sempre fóra a toda a xente que simplemente non é normal, non pode ser normal, non quere ser normal e non vai tentar ser normal. E esa xente rara, rota, deforme, revirada que se resiste a facer as cousas normais que fai todo o mundo... tamén debería te-los seus dereitos garantidos.