O que me aprendeu Taylor Swift

Este artigo ten unha versión en podcast que podes escoitar (e subscribirte se che gusta) en Ivoox ou en Spotify.

Comezarei dun xeito que rexeitaría calquera manual moderno de periodismo: chafando o clickbait, quebrando o anzol e anticipando un par de parágrafos a descuberta do tema verdadeiro: neste texto non vou falar de Taylor Swift, senón de min, e, quizais, de ti.

Os concertos da artista estadounidense en Iberia (primeiro en Lisboa, despois en Madrid) trouxeron ríos de artigos, noticias, reportaxes e comentarios, moito balbordo e barafunda e pouca harmonía. Porén todas e todos saberedes que é un fenómeno mundial que atinxe a moitos máis ámbitos que os da música e que devén incontestabelmente do pulo das millóns de fans incondicionais que seguen cada un dos seus movementos. Noutros tempos –máis ben noutras circunstancias– eu tería formada unha clara e asertiva opinión sobre o fenómeno fandom en torno á cantante, e de camiño sobre a persoa e a súa música, e esa opinión estaría alicerzada sobre a desinformación e o prexuízo, porque os que temos estudos e un algo de cultura (e somos homes, que moito hai deso tamén) e mesmo loitamos activamente contra a desinformación e polo espíritu crítico, caemos a cotío nesta superioridade cultural que apaga selectivamente todas as luces da sabiduría e o coñecemento. Non vou aquí a despregar o catálogo de argumentos e diatribas que tería usado, nin tampouco das supostas virtudes e bondades da de Pensilvania; xa dixen que non ía falar de Taylor Swift. Mais o caso é que agora eu non son quen de desprezar e abafallar a cantante e as súas fans porque as circunstancias da miña vida inscríbenme nun contexto distinto que me arreda do cinismo e acouga o xuiz prevaricador que levo dentro: teño unha filla swifty, dun swiftismo que, agás o dos cueiros, cumpre cada un dos estereotipos: suspensión de todo espíritu crítico no que respecta á cantante, memorización de todas as letras de todas as cancións, seguimento constante de todos os seus movementos, inserción activa nos círculos de fans e entrada nun éxtase irracional ante a aparición da artista no concerto. Mais a miña filla é unha persoa intelixente, comprensiva, crítica, e isto, unido ao feito obvio de que é a miña filla, fíxome pensar que quizais detrás desta paixón desmedida había algo máis que un fenómeno naíf, que quizais ela –a miña filla– merecería outra mirada, unha menos sinxela e prexuizada.

Velaí a miña realidade: se non fora pola proximidade, o cambio de perspectiva e punto de vista, a variación do enfoque, seguiría a ter (e difundir) unha visión superficial dun fenómeno complexo. Non falo en absoluto dun relativismo cultural pop que valide calquera manifestación artística ou movemento social acriticamente; falo de molestarse en coñecer, de escoitar e non de ouvir, de aprehender, de observar e comprender en troques de xulgar. E se temos preguiza, se renunciamos a ese esforzo, se o asunto non nos interesa abondo como para perder o noso valioso tempo en estudalo, entón aínda temos un recurso infrautilizado e marabilloso, un arma revolucionaria que podería chegar a cambiar o mundo: dicir «non sei», «descoñezo o tema», «non estou informado», «non teño unha opinión formada»… Xa que logo: recoñecer a propia ignorancia.

Non sería completamente honesto se non vos falase dun aliado nesta aprendizaxe: o tempo, o vento da idade que púe e desbasta as arestas e frea o ímpeto e bota capas de experiencia sobre o cinismo e a prepotencia. Ollo, non estou dicindo que eu fora un auténtico cretino, nin sequera un imbécil de baixa intensidade: abonda con ser un home e levar de serie a necesidade ancestral de marcar territorio.

E vale; marcho axiña a facer pulseiras da amizade.

______________________ Textos de Marcos Taracido con licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual CC BY-NC-SA

Se tras ler este texto tes algo que comentar podes facelo en Mastodon: @marcostaracido@mastodon.gal

Podes seguir este blog mediante [RSS] (https://escritura.social/fmarcostaracido/feed/).

Máis información sobre min e outros textos: https://lacentralita.net/@marcostaracido