Notas sobre Pai

Pai, Miguel Louzao Outeiro, Xerais, 2026

O primeiro que pensei cando estaba a ler o poemario foi que estaba ante un cancioneiro, coa súa estrutura de descuberta, conquista e mantemento do amor, sen a parte do desamor e o conflicto porque no amor filial iso non existe. 44 poemas que trazan a crónica sentimental dos primeiros cinco anos que un pai comparte con seu fillo.

A perspectiva é a dun novo xeito de exercer a paternidade, dunha nova masculinidade consciente do papel secundario que a natureza otorga ao home e de como esa asunción axuda a tentar superar paso a paso séculos de desigualdade.

É un poemario aberto, máis interrogativo que conclusivo, máis de establecer dúbidas que de asentar certezas...

.... un traballo de nudez, unha exposición dunha intimidade pouco “masculina”, unha descripción da fraxilidade que supón enfrontarse conscientemente á paternidade.

Unha reflexión que poucas veces se fai, unha ollada ao acto de crear unha vida e deterse en aspectos que case sempre obviamos.

Hai un poema no que lembra unha vaca da súa infancia, lembra como paría... Digamos que o nacemento que se produce no poemario é o contrario ao natural, o contrario ao da vaca, por consciente, por pensado, por pautado e proxectado, e no entanto devén na mesma naturalidade o neno que o xato pola incertidume e a natureza indefiníbel do amor.

Nalgún poema faise demasiado obvia a mensaxe, demasiado plana, prosaica de máis, seguramente en interese dunha claridade que permea todo o poemario.

En paralelo á conquista, devagar, do mundo sensíbel, por parte do pai e do fillo exploradores, tamén está a conquista da lingua, que medra no cativo impregnada co orgullo de séculos de ignominia.

Os poemas constrúense co diálogo entre voces, a do pai, a do fillo e unha terceira voz á que o autor non quere renunciar e que vén do pasado: os devanceiros, o rural, a lingua propia.

*Elos

Ela vén ao paso de boi da Baixa Idade Media. Vén coas mans cheas de terra, regos e esperanza.

Ti apareciches case sen querer, entre aparellos tecnolóxicos. Vés rachando con todo, a berros e sorrisos, coma a revolución.

Entre ela e ti hai oitenta e sete anos.

Aínda non sabedes que este é o amor que vén do fondo dos séculos.

______________________ Textos de Marcos Taracido con licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual CC BY-NC-SA

Se tras ler este texto tes algo que comentar podes facelo en Mastodon: @marcostaracido@mastodon.gal

Podes seguir este blog mediante [RSS] (https://escritura.social/marcostaracido/feed/).

Máis información sobre min e outros textos: https://lacentralita.net/@marcostaracido