Némesis

Achei a miña némesis no ximnasio. Uns 70 anos, algo debruzado sobre si mesmo, sempre vestido de negro; cabelo moi curtiño, branco, como branca é a barba de dous ou tres días. Magras as pernas e os brazos, e fibrosos, avúltalle un algo o bandullo por baixo da camiseta. Os ollos pequenos, sempre a piques de pechalos. Anda con lentitude e, malia deixar sen peso todas as máquinas, sofre moito con cada movemento. Chega sempre despois de min, e nese intre sei que rematou a miña tranquilidade porque vai ocupar exactamente os aparatos aos que eu tiña planeado ir. Ás veces está a comezar nunha máquina e se eu remato noutra e estou a levantarme o vello cunha destreza fantasmal aparece sentado na máquina á que eu me dirixía. Nunca olla para min, nunca o sorprendo fitándome na distancia, semella que ignora a miña existencia, mais quebra a miña planificación e obrígame a parar, repetir series, escoller outros aparatos que non quero usar...

Ás veces penso en matalo, abordalo nas duchas e golpealo, ou talvez simplemente facer que caia e rompa algo e me deixe tranquilo durante unha tempada. No entanto, outras veces penso que o vello son eu, unha proxección de min mesmo con vinte anos máis ao lombo, e entón o espreito e sinto unha mezcla de pánico e tenrura.

______________________ Textos de Marcos Taracido con licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual CC BY-NC-SA

Se tras ler este texto tes algo que comentar podes facelo en Mastodon: @marcostaracido@mastodon.gal

Podes seguir este blog mediante [RSS] (https://escritura.social/fmarcostaracido/feed/).

Máis información sobre min e outros textos: https://lacentralita.net/@marcostaracido