Liberdade de elección
Este artigo ten unha versión en podcast que podes escoitar (e subscribirte se che gusta) en Ivoox ou en Spotify. Estou tamén en Podgalego
O Instituto Galego de Estatística publica a principios de outubro de 2024 a actualización dos datos de uso do galego, e non por esperados os resultados[1] deixaron de ser demolidores: o galego está en claro retroceso, descende o número de falantes en todos os ámbitos e québrase a transmisión interxeracional.
Desde a instauración da democracia non houbo nunca unha decidida aposta política por devolver o galego ao seu status de lingua nai, lingua propia de Galiza, ningunha acción firmemente dirixida a reparar o dano de quiñentos anos de aldraxes, pisadas e prohibicións; as leis autonómicas e estatais que regulan o seu uso foron e son sistemáticamente incrumpidas, e os mandatos europeos en prol da defensa das linguas minorizadas ignorados. Mais desde o ano 2009 a política da Xunta de Galicia en contra do galego é dun descaro abraiante, e os seus éxitos notorios. Achego só un exemplo económico, que co diñeiro sempre vemos as cousas máis claras: o investimento na lingua galega por parte da Xunta pasou dos 21,77 millóns de euros de 2009 a 10,9 en 2023[2]. A Lei de normalización lingüística foi aprobada por unanimidade no Parlamento galego en 1983. Di Pilar García Negro que unha lingua normal –normalizada– é «ubícua, interclasista, omnifuncional, autosuficiente e autorrenovábel»[3], e semella que após corenta e un anos o galego non está presente en todas partes, non se utiliza igual nas distintas clases sociais, non se pode usar para calquera función e, xa que logo, non se basta a si mesma, e tampouco depende de si mesma para renovarse, pois segue claramente un modelo de castelanización en troques de achegarse ao portugués, lingua que, se non é, cando menos foi a mesma que o galego.
Mais non vou facer aquí unha relación da opresión e as aldraxes ás que se viu sometido o galego para necesitar ser normalizado, e tampouco exporei os moitos ataques, incumprimentos ou inaccións dos últimos corenta anos, hai estudos e persoeiros dabondo e moito máis elocuentes ca min[4]. Voume deter somente nunha frase do presidente de Galiza, feita en resposta á pregunta dun periodista sobre os datos do Instituto Galego de Estatística, que penso pasou bastante desapercibida entre as moitas escusas sorprendentes e negacións da realidade:
«Creo moito na liberdade de elección, fomento da utilización, pero despois liberdade de elección. As imposicións monolingüísticas, e digo o mesmo porque tamén hai correntes que din que debería falarse só unha das linguas cooficiais, non o galego senón o castelán, eu estou absolutamente en desacordo, cada un debe ter a posibilidade, e aí entran as administracións, debe haber uns estímulos, pero ao final hai a liberdade de elección, que creo que eso deberíamos defendelo todos».
A liberdade, quen non defendería a liberdade, verdade? A dinámica de perversión da linguaxe que adoita practicar a dereita española consiste en baleirar de significado as palabras, resemantizalas e apropiarse delas. «Liberdade» é a gran peza de caza dos últimos tempos, unha palabra tradicionalmente esgrimida polos oprimidos contra o poder que agora o poder acapara e reclama para si, de maneira que consegue dous obxectivos: desarmar ás que lexitimamente empuñaban o termo e anular o seu poder de cambio, pois se reclaman liberdade aqueles que poden outorgar a liberdade é que o termo carece de sentido. Así que liberdade de elección. Vale. O problema é que para elixir entre varias opcións estas teñen que partir das mesmas condicións; se vou mercar un coche non teño liberdade de elección, dependo do diñeiro que poda gastar: se o presuposto é limitado, podo elixir entre dous modelos distintos do mesmo prezo, mais non entre un utilitario e un deportivo de alta gama. Unha persoa que viva na Galiza pode escoller en igualdade de condicións á lingua na que quere vivir? Están en igualdade de condicións o galego e o castelán? Eu non lle quero mal a ninguén, mais devezo por que a pantasma de Karl Marx esperte no medio da noite a toda esta marfallada de novos adalides impostados da liberdade para berrarlles no ouvido: e que non aprendiches nada, miñaxoia? Fascismo cordial podémolo chamar.
«Mais se dermos por boa a cifra oficial de 18% de rapazas e rapaces que falan en galego na casa quero preguntar o seguinte: para cando 18% da radio en galego; para cando 18% de televisión en galego; para cando 18% de estrellas de cinema en galego; para cando 18% de galego nos estantes das librarías; para cando 18% da publicidade comercial; para cando 18% do galego no ensino en todas as etapas, desde a educación infantil, onde está barrido nas cidades até a universidade; para cando 18%de etiquetaxes en galego; para cando 18% de atención sanitaria en galego; para cando 18% de galego en sectores tan importantes como a Axencia Tributaria, a Dirección Xeral de Tráfico, as diferentes policías, varias non permiten nin presentar unha denuncia en galego a través de internet; a admiinistración de xustiza, o poder militar; para cando 18% de galego nos xornais e revistas, mesmo nos que reciben axudas públicas supostamente para promocionar o galego e que mesmo prohíben as entrevistas no noso idioma, en abril de 2024, así o colocan no seu libro de estilo; para cando 18% de empresas de servizos básicos como a telefonía, aseguradoras, o gas, a luz, manter unha atención telefónica que no se entenda e atenda na nosa lingua. O estraño non é que se perdan de falantes, o inagardado é que o galego viva, iso si que é o grande misterio, ese é o grande misterio da lingüística do galego». Carlos Callón nunha palestra sobre os tempos de represión ao galego.
Eis a liberdade de elección. Porque, ten algún impedimento un cativo ou unha cativa para medrar plenamente en castelán na Galiza? Hai algún ámbito que non se poda exercer libremente en castelán? E co galego, pasa o mesmo? Poden os nosos meniños e meniñas elixir usar xoguetes en galego? Poden elixir ver series e películas en galego nas mesmas condicións que en castelán? Poden elixir xogar videoxogos en galego? Pode a nosa mocidade elixir ler os últimos bestsellers en galego? Podemos elixir informarnos en galego? Para todas estas preguntas a resposta é non, non podemos facer esas eleccións, e non podemos por dous motivos principais: en primeiro lugar por un motivo material: non hai contidos en galego en igualdade de condicións; en segundo lugar, porque a diglosia permanece ben viva, e aínda en igualdade de condicións a doma e castración da nosa lingua foi realmente efectiva, pensade senón en que lingua lle falades ao médico.
Así as cousas, esta situación só pode mudar con vontade política, e a vontade política só pode ser impulsada pola vontade popular, principalmente a través do voto a partidos que defendan a nosa lingua, mais tamén cunha militancia diaria que axude a crear unha sensación palpábel de demanda do galego, cada quen na proporción que puider: mercando ou emprestando libros en galego; escollendo os subtítulos das películas e das series en galego cando estean dispoñíbeis; solicitando a documentación en galego; poñendo as nosas apps e o noso software en galego sempre que for posíbel; escollendo galego cando o robot telefónico preguntar, aínda que saibas que o locutar vai falar castelán; e, mesmo se non es falante habitual, usándoo sempre que poidas ao dirixirte aos demais, nas tendas, nas solicitudes, no médico e en todos os ámbitos que tiveres a ben. Porque, abofé, o único galego malo é o que non se fala.
Notes
[1]: Entre as moitísimas análisis dos resultados pódese ler este resume dos principais efectos: https://praza.gal/acontece/a-caida-de-galegofalantes-triplica-o-descenso-da-poboacion-nada-en-galicia-en-vinte-anos
[2]: En Liberdade para o galego (Marcos Maceiras Eiras e Elsa Quintás Alborés, Laiovento, 2024).
[3]: En https://ced.revistas.deusto.es/issue/view/285/148 Referido en Liberdade para o galego (Marcos Maceiras Eiras e Elsa QUintás Alborés, Laiovento, 2024).
[4]: Para unha pormenorizada relación do proceso de doma castigo ao galego temos o libro de Carlos Callón, O libro negro da lingua galega (Xerais, 2022); para a inacción dos últimos corenta anos, o libro xa citado Liberdade para o galego, do que tedes unha especie de resumo verbal neste audio: Descripción de O galego. Emerxencia lingüística extrema despois dos datos do IGE 2024.
______________________ Textos de Marcos Taracido con licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual CC BY-NC-SA
Se tras ler este texto tes algo que comentar podes facelo en Mastodon: @marcostaracido@mastodon.gal
Podes seguir este blog mediante [RSS] (https://escritura.social/fmarcostaracido/feed/).
Máis información sobre min e outros textos: https://lacentralita.net/@marcostaracido